porrigalia

OBÚS

Sábado 22 de xullo, ás 23:30 h.
Na avda. Domingo Bueno
Entrada de balde

En Porrigalia vai a estalar o Obús


Chegaron os anos 80 e con eles, a mellor década que o Heavy Metal viviu en España. Nos seus comezos empeza a xestarse o nacemento da banda máis representativa do Heavy Metal español, OBÚS, xunto con Barón Rojo.

Nos primeiros meses de 1980 dous mozos madrileños, Juan Luís Serrano e Francisco Lagoa, baixista e guitarrista, que xa coincidiron noutras formacións como Rede Box e Madrid 20, deciden formar OBÚS, sen saber aínda que ían revolucionar todo o panorama musical da década. Para completar o grupo chaman ao batería Manolo Caño (Mazo). A partir de aí comezan a compoñer as cancións do que sería o seu primeiro vinilo. Así continuaron ata abril de 1981, mes no que Manolo Caño é substituído por Fernando Sánchez ao mesmo tempo que se incorpora Fortu Sánchez como vocalista. Ata ese momento os encargados de poñerlle voz ás cancións eran Juan Luís e Paco, ben pois xa temos a OBÚS ao completo e listos para facer Historia, a cal comeza de forma fulminante na praza de touros das Ventas, gañando a Terceira Edición do Villa de Madrid. Isto serviulles para asinar o seu primeiro contrato discográfico con Chapa Discos.

En xullo de 1981 entran no estudo e comezan a gravar o seu primeiro álbum, “Prepárate”, producido por Tino Casal e Luís Soler, contando coa colaboración de Luís Cobos.

Nada máis ver a luz o “Prepárate” catapulta ao grupo á fama, chegando ao número un dos 40 Principaless, algo impensable ata eses momentos para unha banda de heavy metal.

Sorprenderon a todo o mundo ca súa potente música e a súa dura imaxe, adornada con coiro negro e tachuelas por todos lados, sentando as bases do que sería o son e a estética do rock duro nos anos posteriores. Ao pouco tempo triunfan no seu propio barrio, Vallecas, nunha gran actuación ante miles de persoas no campo de fútbol do Rayo Vallecano, as cales se renden ante o poderío e a contundencia da banda en directo e demostrando que serían a mellor banda de directo de aquí en diante.

6 de novembro de 1981, OBÚS embárcase nunha aventura da que moitos dixeron que estaba destinada ao fracaso, presentar o seu primeiro disco no Pavillón de Deportes do Real Madrid, con todo conseguiron outro feito histórico, cun cheo a rebentar e confirmándose como uns dos grandes do heavy español, consagrándose cancións como “Va a estallar el Obús”, “Sólo lo hago en mi moto” ou “Pesadilla nuclear” como himnos dentro da escena do rock español.

Pronto comezan a saír galas e non paran de xirar presentando o LP por toda España, enchendo alí onde tocasen, como foi o caso tamén na súa presentación en Barcelona, no Pavillón do Barça.
Todos os medios fanse eco da ascensión meteórica de OBÚS cara á fama: prensa, radio, TV…

En 1982 sacan o seu segundo álbum, “Poderoso como el Trueno”, seguindo a boa liña do primeiro, con temas tan representativos como “Dinero, dinero”, “Dáme Amor”, ou o mesmo “Poderoso como el Trueno”. Neste disco volveron contar coa axuda do seu bo amigo Tino Casal, xunto coa de Luís Soler. Regresan ao Pavillón de Deportes do Real Madrid para presentar o disco ante todos os seus seguidores.

En 1984 chégalles o momento da consagración como banda indiscutible de primeiro nivel co lanzamento do seu impresionante disco “El que Más”, o terceiro da súa carreira, este álbum foi gravado nos Mediterráneo Studios de Ibiza, coa axuda do enxeñeiro de Judas Priest, Mark Dodson, co que conseguiron un son que por aquel entoces só estaba ao alcance de bandas de talla internacional, ademais Adrian Smith (Iron Maiden) escribiu unha canción para o disco titulada “Alguien”, e xunto con este tema todo un disco repleto de cancións brillantes como “Vamos muy bien”, “Autopista”, “El qué más”, “Viviré”, “Juego Sucio”…

OBÚS é xa coñecido por todo o mundo, e tamén entran con forza en Sudamérica. Nese mesmo ano viaxan a Venezuela ofrecendo dúas actuacións no famoso Poliedro de Caracas.

En 1985 volven ao estudo para gravar o seu cuarto álbum, “Pega con fuerza”, de novo nos Mediterráneo Studios, con temas como “Te visitará la muerte”.

Durante todo este tempo o grupo non deixa de actuar e de cultivar éxitos e en 1986 chega o quinto disco, “Dejarse la piel”, un álbum que se sae un pouco da linea do anteriores pero que reflicte a súa madurez como músicos e que incorpora unha novidade ata entoces descoñecida no repertorio da banda, a súa magnífica balada “Complaciente o cruel” e temas como “Necesito más”, “Crisis”, “Mentiroso”, “Rómpelo”, etc.

En 1987 teñen suficientes cancións como para decidirse a gravar un dobre disco en directo, “En directo 21-2-87”, demostrando a todo o mundo que o seu directo e posta en escena é o mellor do momento, ofrecendo un concerto memorable e volvendo encher o Pavillón do Real Madrid.

A finais dos 80 o baixón do heavy a nivel mundial é evidente, abandonan Zafiro, que prefire apoiar a outro tipo de grupos e fichan por Avispa. Con esta discográfica sae “Otra vez en la ruta” en 1990. O panorama para o heavy é desolador e é xa un feito que pasa por momentos de crises, por este motivo, e aínda que volven a Sudamérica a dar unha serie de concertos en México, OBÚS decide aparcar o grupo, e cada un dos seus membros dedícase a diferentes proxectos musicais.

Ata este punto da súa traxectoria, OBÚS conta con moitos momentos históricos, premios e varios discos de ouro, sen mencionar que a historia do heavy metal español non podería entenderse sen citar a OBÚS.

Con todo, o grupo non estaba disolto, só aparcado momentaneamente, e en 1996 regresan aos escenarios. Aos poucos volve xurdir interese por este xénero e en absoluto silencio comezan a compoñer novos temas, que ven reflectidos no seu regreso discográfico en outubro do 2.000, calando as bocas dos máis escépticos, co seu impresionante “Desde el fondo del abismo”, un compacto cheo de forza e rabia, cunhas cancións que demostran que se atopan en plena forma, sabendo que a experiencia é un punto ao seu favor, con cancións como  “Que te jodan”, “Cautivos”, “Esta vida”, “Siento ganas”, “Marilú”. Todos e cada un dos temas que forman o disco son excepcionais e estamos seguros que non deixarán insatisfeitos a ningún dos fans.
Aínda queda mecha para longo.

Formulario de contacto

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación de nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

PECHAR